Ethel Vázquez avanza que no mes de maio os menores de 21 anos de toda Galicia poderán viaxar gratis no transporte interurbano da Xunta coa tarxeta Xente Nova


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que neste mes de maio os menores de 21 anos de toda Galicia poderán viaxar gratis no transporte interurbano da Xunta empregando a tarxeta Xente Nova.

Deste xeito, o Goberno galego culminará a extensión a todo o territorio da Comunidade desta medida social de apoio ás familias iniciada no ano 2016, da que actualmente xa se están a beneficiar 79.000 mozos galegos menores de 21 anos que viaxan de balde no autobús da Xunta. A previsión do Executivo autonómico é duplicar o número de beneficiarios e máis que duplicar o investimento que destina a pagar estas bonificacións, pasando de 1,9 millóns de euros a 4,3 millóns ao ano.

Durante a súa comparecencia no Pleno do Parlamento de Galicia, para informar das previsións e principais liñas de actuación da Consellería nesta lexislatura, a titular de Infraestruturas e Mobilidade destacou a forte aposta e o inxente traballo do Goberno galego por modernizar e renovar as liñas de autobús interurbano de toda a Comunidade.

Ethel Vázquez referiuse á culminación, no mes de decembro, da implantación do Plan de Transporte Público de Galicia, que supuxo a activación de 127 contratos e a renovación de máis de 3.100 liñas de autobús que, con 50.000 paradas, prestan 300.000 servizos ao mes. “Nunca na historia de Galicia se fixo unha aposta como a que estamos a facer polo transporte público”, resaltou.

A conselleira destacou a vontade da Xunta de seguir con esta liña de impulso e de mellora do transporte público. Indicou que hoxe mesmo o Diario Oficial de Galicia publica a aprobación da Área de Transporte de Galicia, que permitirá estender as vantaxes do transporte metropolitano ao conxunto da Comunidade. Segundo trasladou, na primavera comezaranse a asinar os primeiros convenios de adhesión cos concellos, co obxectivo de proceder á implantación efectiva ao longo do segundo semestre do ano.

A Área de Transporte de Galicia permitirá aplicar a calquera viaxe realizada nun autobús dependente da Xunta en todo o territorio os descontos nos prezos do billete que xa desfrutan actualmente nas áreas de transporte metropolitano que hai constituídas. O emprego da Tarxeta de Transporte Público de Galicia suporá unha bonificación de 0,50 euros no prezo de cada viaxe, que será asumida, de forma xeral, nun 80% pola Xunta e o 20% polo concello adherido. A esta bonificación sumarase o desconto do 10% nas viaxes aos usuarios da tarxeta TMG, con independencia de se o concello está adherido ou non.

Ethel Vázquez convidou aos concellos a sumarse á Área de Transporte de Galicia porque isto suporá para os seus veciños unha bonificación mínima de 0,65 euros no prezo de cada viaxe.

Os usuarios frecuentes sumarán bonificacións por recorrencia. Ademais, a Área de Transporte de Galicia suporá a despenalización total dos transbordos co autobús urbano das cidades adheridas nas viaxes que se abonen coa tarxeta do Transporte Público de Galicia. Coa implantación da Área de Transporte de Galicia a Xunta agarda bonificar 17,5 millóns de viaxes ao ano.

Con todo, e para que os usuarios non teñan que agardar á implantación da Área de Transporte para desfrutar xa dalgunhas das súas vantaxes, a conselleira adiantou que desde o vindeiro 1 de abril se reforzarán os descontos por para usuarios recorrentes no transporte público da Xunta, estendéndoos máis alá das áreas de transporte metropolitano. Para desfrutar desta nova bonificación por recorrencia os usuarios deberán abonar as súas viaxes empregando a tarxeta TMG.

Bonificacións para familias numerosas nas autoestradas da Xunta

De cara a axudar á economía das familias, a titular de Infraestruturas lembrou que no verán se porá en marcha unha nova bonificación para as familias numerosas nas autoestradas de titularidade da Xunta, na AG-55 e na AG-57. A medida, recollida na Lei de Impulso Demográfico, beneficiará ás 27.000 familias numerosas existentes na Comunidade, situando a Galicia como pioneira na aplicación destes descontos. Estas bonificacións viranse sumar ás que xa se veñen aplicando aos usuarios frecuentes e en horario nocturno.

A conselleira contrapuxo a situación das autoestradas de titularidade da Xunta -das máis baratas de España e que a comezos de ano rexistraron unha baixada do prezo en varios treitos manténdose estables no resto-, coa situación da AP-9, de titularidade do Goberno central, que volveu subir as tarifas o 1 de xaneiro e foi, ademais, a autoestrada que máis subiu de España.

Insistiu na necesidade de que o Goberno de España materialice, canto antes, as bonificacións comprometidas para a AP-9 e defendeu que estes descontos deben ser útiles e xustos para os galegos, e non supoñer beneficios para a concesionaria.

Ethel Vázquez lembrou que a Xunta xa trasladou a súa proposta de bonificacións para a AP-9 no mes de febreiro, proposta que tamén foi abordada no encontro entre o presidente da Xunta e o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do pasado 10 de marzo. Nesa reunión o Goberno galego conseguiu que o Ministerio atendese a demanda de traballar conxuntamente no deseño das bonificacións da AP-9 e garantir que eses descontos beneficien aos usuarios frecuentes e aos transportistas.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade destacou, ademais, que a Xunta seguirá a traballar pola transferencia da AP-9 a Galicia pero “non á calquera prezo”, senón cos medios técnicos e económicos necesarios para a súa correcta xestión ata o remate da concesión, así como cos recursos precisos para realizar todas as melloras previstas.

Deber da Xunta na defensa dos intereses de Galicia

Ethel Vázquez defendeu como “deber e responsabilidade” da Xunta a defensa dos intereses de Galicia. Destacou, nesta liña, ademais da demanda das bonificacións para a AP-9, as infraestruturas estatais pendentes na Comunidade e infraestruturas clave: como a parte ferroviaria das estacións intermodais; a chegada do AVE; melloras no ferrocarril, como o Feve, a liña A Coruña-Ferrol ou Vigo-Ourense; a conexión de Lugo en alta velocidade; o Corredor Atlántico, o tren a Langosteira ou a Saída Sur de Vigo.

Referiuse, en concreto, ás infraestruturas viarias pendentes, como a autovía entre Santiago e Lugo, cuxa finalización a Xunta reclamou para o Xacobeo; á necesidade de impulso das autovías do interior de Galicia: a autovía entre Ourense e Lugo e entre Ourense e Ponferrada; a autovía da Mariña ou a nova autovía entre Vigo e O Porriño.

Ethel Vázquez amosou o seu desexo de que o Goberno cumpra o seu compromiso de chegada do AVE neste ano, como ten asumido.

Agarda, ademais, que na reunión do vindeiro mes de abril á que se teñen emprazado o presidente da Xunta e o ministro Ábalos se poidan dar novos pasos e concretar avances na Saída Sur de Vigo, que o Ministerio se ten comprometido a impulsar, xunto cunha conexión directa co porto de Vigo. “Aínda que nos gustaría que se dese un paso máis”, o certo é que é un “primeiro paso”, en palabras da conselleira, de cara a continuar coa prolongación da alta velocidade cara a Portugal, prioritaria para os intereses de Galicia.

Salientou, ademais, a importancia de que o presidente da Xunta lograse convencer ao ministro Ábalos para que se comprometese en firme coa financiamento da conexión ferroviaria a Langosteira. Neste sentido destacou que o tren do porto exterior debe facerse, “si ou si, sen condicións”. Lembrou que se trata dun proxecto maduro, que pode ser financiado cos fondos de recuperación e resiliencia, e que o Ministerio de Transportes prevé destinar 5.700 millóns destes fondos ao ferrocarril, onde terían encaixe os 140 millóns que precisa a conexión de tren de Langosteira.

En canto á conexión de Lugo en alta velocidade, Ethel Vázquez afeou ao Goberno de España que teña incumprido a súa promesa de que o AVE chegaría a Lugo en 2021, cando se están licitando aínda os contratos da primeira fase dos traballos e non hai ningunha obra significativa aínda en marcha. Censurou, ademais, que os plans do Goberno pasen por non executar a segunda fase prevista, as variantes de Rubián e dos Peares, que supoñen un aforro de tempo de máis de 20 minutos. Lembrou que a renuncia a estas variantes supón, na práctica, rebaixar o investimento comprometido de máis de 1.000 millóns a 550 e deixar aos lugueses sen alta velocidade ferroviaria, algo que a Xunta, dixo, non pode consentir.

Necesidade de xuntar esforzos para apoiar aos concellos

A titular de Infraestruturas e Mobilidade finalizou a súa intervención referíndose ao importante apoio técnico e financeiro que a Xunta vén prestando aos concellos nas súas competencias de saneamento, depuración e abastecemento. Aludiu ás dificultades, probadas, de moitos municipios para manter e conservar as infraestruturas do ciclo da auga nas debidas condicións.

Lembrou, neste sentido, que a Xunta está a traballar nun sistema de axuda ás entidades locais, coa suma de esforzos entre as distintas administracións: Xunta, Deputacións e Concellos. O obxectivo, dixo, é axudar aos concellos a xestionar con maior eficacia e eficiencia as súas depuradoras e potabilizadoras municipais e ofrecerlles unha xestión máis profesionalizada, eficiente e de calidade das infraestruturas hidráulicas.